Repertorio da Banda de Gaitas
A Banda de Gaitas da Asociación toma o seu repertorio principalmente de tres fontes:
- Por unha banda están os vellos gaiteiros de Lugo que nos transmitiron ao longo dos anos directamente as súas pezas, como por exemplo o Vals do Miro, recollida directamente do mestre Miro da Pontenova ou a Muiñeira de Piornedo, aprendida de Hermes da Fonsagrada.
- Por outra banda están as pezas tomadas dos cancioneiros, como por exemplo a Marcha Procesional de Poio do cancioneiro de Bal e Gay ou a Muiñeira da Ponte Sampaio do cancioneiro de Inzenga.
- Tamén se interpretan pezas de compositores contemporáneos como a Muiñeira de Visantoña de Xesús Vaamonde ou Burriño de Pedro David Lamas Varela.
Todas as pezas teñen que ser adaptadas para seren interpretadas pola Banda de Gaitas. Os arranxos feitos a estes temas empregan sempre, a diferenza doutras bandas, percusión tradicional, xa que é variada dabondo e ofrece moitas posibilidades para enriquecer a música da gaita, dándolle os matices que a este instrumento, por ser de son continuo, e non poder variar o seu volume, non pode amosar.
O repertorio empregado en cada actuación é elixido entre unha morea de pezas que se ensaian a cotío, das máis de 100 distintas que ten interpretado a Banda nos derradeiros anos. Baseándonos nas interpretadas nas derradeiras actuacións, destacarían:
Manaia sea ela, composta por Bruno Villamor, e Polavila en Vilaquinte, recollida a Rubén González e José Ramón González, gaiteiro que pasou gran parte da súa vida en Vilaquinte, no concello de Navia de Suarna, e que, como moitos galegos, tivo que emigrar ao outro lado do Atlántico vivindo os seus últimos anos na cidade de Bos Aires-Arxentina.
A ambas as dúas pezas fíxoselle un pequeno arranxo pensado para banda de gaitas no que se amosa a riqueza e variedade da nosa percusión tradicional interpretándoas con forma de suite. O seu título recíbeo lembrando as “polavilas”, nome que reciben na Ulloa e na montaña de Lugo as reunións que facían os veciños das aldeas para divertirse, cantando, bailando, contando contos, ...
Muiñeira de Cervantes, peza recollida no Concello de Cervantes na montaña da provincia de Lugo.
Rumba de Santo Xusto, recollida ao Gaiteiro de Santo Xusto, un dos personaxes máis coñecidos e afamados na segunda metade do século XX na Comarca da Ulloa (provincia de Lugo). A pesares de seres unha desgraza, a emigración fixo que milleiros de galegos tiveran contacto con outras culturas asimilando novos ritmos. Tal é o caso da rumba, un deses ritmos importados que hoxe convive con ritmos máis ancestrais como a muiñeira ou os alalás.
Repertorio do Grupo de Baile
Nas derradeiras actuacións o Grupo de Baile ten interpretado:
Xota e Moliñeira da Fonsagrada: Escolma de varias investigacións e traballos de campo feitos a gaiteiros de gran sona que tocaban para os seus bailadores, tendo a súa propia identidade e dificultade no seu toque e no seu danzar. Outra característica salientable nos bailes da Fonsagrada é o acompañamento das castañolas para adoneirar os diferentes puntos e voltas nos bailes das vilas desta zona da montaña de Lugo.
Xota de Noceda (As Nogais - Lugo): Xota recollida no lugar de Noceda, no concello lucense de As Nogais, lugar onde os veciños reuníanse entorno ao baile e a música tradicional dun xeito lúdico, durante a xornada laboral ou nos días de descanso. A súa posta en escea, representa unha adaptación das amplas rodas de bailadores que aproveitaban a música dos seus homes “orquestra”, para danzar ao son da gaita ou a través dos cantos realizados a viva voz co acompañamento das percusións existentes.
Muiñeira de Liñares: Xa en terras ourensáns do ribeiro, as diferentes tradicións e a herdanza cultural transmitidas polos seus informantes no concello de Avión no ano 1994, tiñan como característica fundamental a realización de puntos e paseos en roda en constante movemento así coma os toques de latón e pandeireta que resoaban para facer a ruada.
Xota e Muiñeira de Zobra: Pezas recollidas na vila de Zobra, localidade pertencente o concello de Lalín (comarca do Deza na provincia de Pontevedra). Nesta zona situada no corazón do Candán, debido sobre todo a súa orografía e situación, conserváronse de maneira especial os seus cantares de pandeireta e os seus pasos no danzar, chegando incluso a estar hoxe presentes nas reunións e xuntanzas veciñais. Son famosas no noso folclore as longas noites de baile no centro social da vila e a cantidade de bailadores e pandeireteiras que alí se xuntaban.
Xota de Forcarei: viaxando a terras pontevedresas, o grupo leva á escea, unha representación das ruadas que se realizaban en diferentes vilas e aldeas do concello de Forcarei.
Xota e e Rumba Farrapa, recolleita realizada no ano 2014 no lugar da Farrapa, parte norte do concello de Dumbría (A Coruña).
Xota e Muiñeira de Merexo, recollidas a Angélica e don Manuel Pazos de Merexo (Muxía, A Coruña), famoso acordeonista diatónico desta vila costeira da Costa da Morte.
Repertorio do Grupo de Cantareiros
Nas derradeiras actuacións o Grupo de Cantareiros ten interpretado:
Xota e Agarrado de Espiñeireda de Ancares (Candín), pezas recollidas a Rosa Abella e Nélida Osorio.
Repertorio do Grupo de Cantareiras
Nas derradeiras actuacións o Grupo de Cantareiras ten interpretado:
Canto, Agarrado, Xota e Muiñeira de Toutón: as melodías deste lugar constitúen un referente para a música vocal de Galicia, do mesmo xeito que as pandeireiteras que as gardaron na memoria e aínda hoxe se xuntan para tocar.
Repertorio do Coro Galego
Nas derradeiras actuacións o Coro ten interpretado:
Foliada de Lóuzara e a Foliada de Bagueixos, ambas as dúas pertencentes ao repertorio de Cántigas e Aturuxos, coro que xunto con Frores e Silveiras deron orixe a Cántigas e Frores.
Repertorio da Murga
Nas derradeiras actuacións a Murga ten interpretado:
Muiñeiras do Albeiro: recollidas a Paco “O Gaiteiro do Albeiro (Friol)”, baixo a dirección de Bruno Villamor, arránxanse melodías recollidas aos nosos vellos mestres gaiteiros, tendo predilección polas que son da provincia de Lugo.
Vestiario
No vestiario tentamos imitar ao máximo posible os modelos antigos, e cando estes aínda se atopan en bo estado, empregamos os orixinais. Ao reproducir unha peza de roupa temos en conta:
- Que se corresponda co patrón antigo.
- Respetamos o tipo e cor do pano.
- Fanse os bordados coma os antigos.
- O calzado e peiteado, ou o que cubra a cabeza, ten que ser o axeitado para cada traxe.
- Temos en conta a forma de vestir que se levaba na época de cada traxe.
Trátase, en definitiva, de respectar e sermos coherentes e consecuentes coa época, nivel social e emprego de cada traxe.