ASOCIACIÓN CULTURAL "CÁNTIGAS E FRORES"
(Festival de Música e Baile Tradicionais "San Froilán")

27/11/2008

 


FESTIVAL DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAIS "SAN FROILÁN"


A Asociación Cultural “Cántigas e Fores” ven organizando dende o ano 2003 o “Festival de Cultura Tradicional San Froilán”, que se celebra coincidindo coas festas de San Froilán, patrón da cidade, no mes de outubro. Está patrocinado na súa totalidade polo Concello de Lugo, estando a organización a cargo desta Asociación.

 

As actuacións teñen lugar durante todo o día en diferentes puntos da cidade. Pola mañá coménzase cun pasarúas dende distintas prazas do centro, xuntándose ó remate diante do Concello, onde ten lugar unha recepción dos grupos pola Corporación Municipal. Trala recepción faise unha pequena actuación na Praza maior. En ocasións, a recepción tense trasladado ás primeiras horas da tarde.

O festival celébrase pola tarde nunha praza do casco histórico, a Praza de Santa María, a carón da Catedral, nun esceario cuberto cunha carpa para o público, por se San Froilán non ten a ben enviar un bo tempo.

Xa estamos a traballar na vindeira edición do mesmo, que tentaremos que sexa o derradeiro sábado das Festas, se as autoridades nono impiden (se seguen patrocinando, queremos dicir) e lles vai ben esta data.

O festival ten carácter internacional, xa que tódolos anos temos convidado a grupos de Portugal, aínda que o caracter inicial era estatal, participando grupos das diferentes autonomías, sendo as mesmas diferentes cada ano. Por suposto, tamén participamos nós, coa banda de gaitas e o grupo de baile da asociación. Os grupos invitados nas edicións que levamos, son os seguintes:

Festival de Música e Baile Tradicionais San Froilán 2003

Andalucía: GRUPO MUNICIPAL DE FOLCLORE “VIRGEN DEL MAR“ de (ALMERÍA). Participaron 36 compoñentes.
Formación de máis de 50 anos. Basa tódalas súas composicións na máis pura tradición da provincia e da comunidade. Destacan as actuacións en Colombia, Exipto, Israel, Marrocos, Gran Bretaña, Grecia, Hungría, Portugal, Italia, Francia, Turquía, Rusia, México, Alemania, ademáis de tódala xeografía española. É representante oficial do Concello de Almería cunha media de 40 intervencións ó ano. Leva a escola municipal de Folclore cuns 300 alumnos anuais. Chega a realizar programas de ata dúas horas. Adica moito traballo a festivales, cursos, congresos, publicacións e outras actividades relacionadas co folclore nos ambitos local, nacional e internacional.

Euskadi: GRUPO DE DANZAS TRADICIONALES “UDABERRI” (TOLOSA-GIPUZKOA). Participaron 26 compoñentes.
Grupo de danzas tradicionais nado en 1957. Comenza no mundo da investigación, recuperación e mostra de danzas tradicionais, exibíndoas en diversos festivais tanto españois como Europeos, destacando paises como Holanda, Alemania, Irlanda, Checoslovaquia, etc. Crean escolas e obradoiros de danzas vascas polas que pasan ata 250 alumnos ó ano. Máis recentemente elaboran espectaculos integráis de luz e son e con fusión con outras músicas (jazz) e co teatro.

Asturias: ASOCIACIÓN DE FOLCLORE “AZABACHE” (GIJÓN). Participaron 26 compoñentes.
Creada en 1990, conta con 45 membros. Interésase pola investigación e difusión da cultura festiva tradicional asturiana. Ademáis das presentacións de danzas e bailes, participan en exposicións, imparten conferencias e fan publicacións sobre indumentaria, instrumentos e outros elementos da etnografía e do folclore asturianos. Ten participado en distintos festivais internacionais percorrendo paises como Francia, Bélxica, Holanda e Alemania. Teñen presentado mostras de folclore de ata dúas horas.

Aragón: ASOCIACIÓN CULTURAL “CIUDAD DE LOS AMANTES” (TERUEL). Participaron 36 compoñentes.
Creada por un grupo de persoas cunha grande traxectoria na difusión do folclore, centran o seu traballo na investigación do folclore da súa provincia e no ensino do mesmo. Pola súa sede pasan anualmente máis de 200 persoas. Participaron en numerosos festivais dentro e fora de España, incluíndo paises como Francia, Austria, Suiza, Bélxica, Italia e Portugal. Dende 1993 organizan o “Festival Folklórico de las Autonomías”, de carácter internacional, na serra de Gudar.

Galicia: CENTRO CULTURAL “A PONTE VELLA” (TEO-A CORUÑA). Participaron 40 compoñentes.
Centro creado en 1987, na actualidade conta con 60 compoñentes repartidos en grupos de baile, gaita e pandeireta, alternan a laboura de investigación polas vilas e aldeas galegas coa exhibición de bailes e música dentro e fora da nosa autonomía. Acadaron diversos premios de baile nas principais cidades galegas nos últimos anos.

Festival de Música e Baile Tradicionais San Froilán 2004

Canarias: AGRUPACIÓN FOLKLÓRICA "ENTRE AMIGOS" (Gran Canaria). Participaron 34 compoñentes.
Esta agrupación nace no “Valle de Junámar”, no termo municipal de Telde no ano 1987, baixo a dirección do actual responsable da “Escuela Municipal de Folklore” dese concello, Jesús Santana Marrero. Na actualidade o grupo conta con 56 compoñentes con idades comprendidas entre os dezaseis e os sesenta anos, divididos entre o grupo de baile e o de música.
Dentro dos seus obxectivos están a recuperación e conservación dos valores culturais de Canarias.
Teñen diversos traballos discográficos adicados ó folklore das illas, así como varios premios musicais. Durante a súa traxectoria de mais de dezasete anos, participaron en numerosas festas patronais, festivais, romarías e diversos actos conmemorativos por tódalas illas do archipiélago e tamén na península.

La Rioja: GRUPO DE DANZAS DE BRIONES. Participaron 30 compoñentes.
Este grupo, aínda que inscrito oficialmente dende os anos setenta, leva máis de cincuenta anos traballando no eido da cultura tradicional da Rioxa. Nas actuacións divídense en dous grupos: os homes danzan con paos e castañolas e, en ocasións, fan castelos humáns; no das mulleres, danzan con castañolas, panos e arcos.
Manteñen as danzas tradicionais de Briones e algunhas doutras zonas da Rioxa. Actúan tanto na súa provincia coma no resto do estado, destacando actuacións en Sevilla, Jaca e Tarragona.

Murcia: GRUPO DE COROS Y DANZAS “SANTIAGO DE LA PEÑA” - LA BREVA. Participaron 35 compoñentes.
Fundado en 1981, ten intervido en numerosas celebracións promovidas maiormente polas “Peñas Huertanas” e por institucións oficiais da súa comunidade e concello. Dende o seu nacemento, adícase a cuidar e fomenta-la cultura tradicional, así como a investigar, recopilar e divulgar tódolos costumes da súa comunidade. Teñen actuado principalmente en festivais, casas rexionais murcianas en outras provincias, festas, e outros tipos de actos por tódala xeografía peninsular (Granada, Murcia, Albacete, Palencia, Ciudad Real, Galicia) así como fora de España (Irlanda, Francia, Gran Bretaña, Portugal e Polonia).
Ofrecen un amplo repertorio que inclúe as danzas máis representativas da súa comunidade: “parrandas, jotas, malagueñas, seguidillas, fandangos y zánganos”.
Dispoñen ademais da “Escuela de Folklore La Breva”, cunha canteira de máis de cen persoas.

Castela-León: ASOCIACIÓN ETNOGRÁFICA "DON SANCHO" (Zamora). Participaron 27 compoñentes.
Fundada en 1994 os seus fins son: a recopilación e difusión do folklore zamorán e a organización de actividades relacionadas coa cultura tradicional. A asociación está composta por trinta persoas que integran o Grupo Etnográfico, na súa maioría estudiantes con gran coñecemento dos costumes da súa terra.
Dispoñen tamén da “Escuela de Cultura Tradicional DON SANCHO” con máis de douscentos compoñentes. Na que se integran o “Aula de Baile Tradicional”, o “Aula de Canto y Pandereta” e o “Grupo Infantil Etnográfico”.
A asociación é un colectivo que dende as súas orixes ven loitando pola autenticidade e o purismo de tódolo que interpreta, e ese é o camiño que seguen, e o campo ó que adican o seu traballo. Tódalas pezas que interpretan foron recollidas pola propia asociación e non se modificaron de ningún xeito. Estes temas son orixinais e puramente tradicionais. Organiza anualmente o “Festival Folklórico de Primavera” en Zamora e ten participado en numerosos espectáculos e festivais de folklore por tódala xeografía do estado e varios países europeos.

Festival de Música e Baile Tradicionais San Froilán 2005

Illas Baleares: GRUPO FOLKLÓRICO DE ES CUBELLS (Ibiza). Participan 25 Compoñentes.
Grupo fundado en 1986. A maioría dos seus membros proviñan do grupo “Aires de sa Talaia”, de longa tradición que fixera actuacións no estranxeiro dende 1954. Dende a súa fundación teñen actuado nas distintas vilas de Ibiza, especialmente na de Es Cubells, na que actúan frecuentemente e organizan actividades de recuperación de tradicións, ente as que destacan “sitges de carbó (carboeiras)” ou as “matanzas” eivisencas.
Durante os seus dezanove anos teñen actuado por toda a xeografía peninsular, destacando actuacións en Mallorca, Alacante, Menorca, Expo de Sevilla, Asturias, Barcelona, Cáceres e Santarem (Portugal). Así mesmo, son socios da "Federació de Colles de Ball i Cultura Popular
d’Eivissa i Formentera", dende 1998, por medio da que organizan, entre outros, o “Festival Folclórico Mare Nostrum” que ven realizándose dende hai tres años.

Aragón: CORRO D’ES BAILES DE SAN CHUAN (Huesca). Participan 30 compoñentes.
En San Juan (Chuan) de Plan foron as mulleres quen, nos anos setenta, tentaron de esperta-lo interese polas tradicións que estaban a desaparecer. Este traballo de máis de vinte anos deu seus froitos concretándose no Museo Etnográfico, a serraría (La Sarra), o vello muíño (El Molín) e o grupo folclórico en cuestión. Ademais, este é un dos escasos lugares onde o aragonés segue a se-la lingua común entre as xentes.
O grupo folclórico naceu grazas ó entusiasmo dunhas cantas mulleres nos comezos dos anos setenta. Na actualidade o “Corro d’es bailes” está composto por máis de 40 persoas, o que supón unha cuarta parte dos habitantes de San Juan, algo excepcional para calquera grupo folclórico, polo que se pode dicir que non é un grupo, senón “unha vila a que baila”.
Dous dos aspectos máis notables do grupo son a riqueza no vestiario (algunhas pezas con máis de douscentos anos) e a dos instrumentos musicais con que se acompañan (na actualizade so existentes nos vales pirenaicos). Sen dúbida é o conxunto de danzas o máis notable do que ten recuperado o grupo, que ven a demostra-la riqueza do folclore aragonés máis aló da exclusividade da “jota”. O “Corro d’es bailes” participou en diversos festivais por toda España, ademais das frecuentes actuacións por Aragón, sur de Francia e as xiras por Holanda, a república ex-soviética de Tadjikistán e por Eslovaquia.

Castela-A Mancha: ASOCIACIÓN CULTURAL DE COROS Y DANZAS de ALCÁZAR DE SAN JUAN (Ciudad Real). Participan 30 compoñentes.
Esta asociación emblemática de Castela-A Mancha naceu nos anos 40. Dende entón, pasaron centos de rapaces e maiores, reunindo un amplo repertorio de cancións e bailes populares, coreografados ou non, que amosan o acervo cultural musical manchego.
Froito do traballo de investigación e selección de material son os miles de actuacións en España e en países de Europa e América. Levan máis de cinco décadas representando o folclore manchego por todo o mundo. Ademais foron incorporando temas de danza e música tradicionais de tódalas rexións do Estado. Son o grupo titular, os grupos infantís e xuvenís, así como a “Escuela de Folklore”, cos seus máis de 400 alumnos, os que garanten a pervivencia dos costumes da súa terra.

Asturias: GRUPO DE BAILE LA FOLIXA de Carreño (Asturias). Participan 20 compoñentes.
Este grupo provén da zona rural do centro de Asturias, surxindo na década dos 80 polo interese amosando por un grupo de xente nova na divulgación e estudio da cultura asturiana. Destacan entre as súas actividades a organización dun festival folclórico internacional anual, que coincide co solsticio de verán, ou a escenificación da “Ofrenda del Ramu” na faldra do Monte Areo, no concello de Carreño.
La Folixa conta coa “Escuela de Música Tradicional IROBA”, tendo ese nome na honra do Monte Areo, necrópole tumularia (BIC) da zona. Presentan unha indumentaria rica e variada con traxes das mariñas (pescadores), da zona da montaña (manteos de Cangas de Narcea) e da zona centro (saya de insertu).
Esta agrupación colabora coa Fundación Príncipe de Asturias, participando activamente nos actos de entrega dos galardóns dos Premios Príncipe de Asturias. Cabe destaca-la súa presenza activa en festivais internacionais así como de índole rexional en diversos puntos da xeografía española.

Festival de Música e Baile Tradicionais San Froilán 2006

Extremadura: GRUPO DE LA ASOCIACIÓN CULTURAL Y FOLKLÓRICA “TIERRA DE BARROS” (Almendralejo-Badajoz).
Grupo fundado en 1966, centrando as súas actividades na investigación, o ensino, organización de actos populares e a difusión do folclore extremeños. Teñen realizado tres grabacións discográficas, mantendo asimesmo academias de folclore na cidade de Almendralejo, con máis de 400 alumnos. Nos seus máis de 37 anos de existencia, ten participado en numerosos festivais internacionais por todo o mundo.


A Rioxa: GRUPO FOLKLÓRICO “CONTRADANZA” (Logroño).
Agrupación fundada en 1983 coa inquietude e os obxectivos do coñecemento e fomento do folclore rioxano, resaltando a súa laboura na recuperación das danzas, músicas e traxes esquencidos ou en desuso nalgunhas vilas de A Rioxa. Tamén dispoñen de escolas de danza distribuídas en diferentes barrios de Logroño, dun xeito desinteresado. Destacan pola vistosidade dos seus bailes, nos que empregan diferentes elementos trebellos.
Fora da Rioxa teñen actuado, entre outros, na Expo 92 de Sevilla, Festival Internacional de Jaca, Festival das Letras Galegas de Domaio, Festival Internacional de La Sierra de Badajoz, etc.

Portugal: RANCHO FOLCLÓRICO DE PONTE DA LIMA (Viana do Castelo).
Asociación fundada en 1960, con máis de 46 anos de experiencia actuando por toda a xeografía peninsular e fóra desta. É membro da federación de folclore Portugués. Os obxectivos máis destacados son a recuperación e difusión da música e bailes tradicionais portugueses. O grupo está formado por máis de 80 persoas, destacando a variedade do instrumental empregado nas súas actuacións. Nesta ocasión participaran en torno a 50 membros do colectivo.

Festival de Música e Baile Tradicionais San Froilán 2007

Portugal: RANCHO FOLCLÓRICO E ETNOGRÁFICO “OS FRIELEIROS” (Estremadura).
Fundado o 6 de xaneiro de 1984, co nome e Grupo de Danças e Cantares de Frielas. Ten a súa sé na parroquia de Frielas, Concello de Lourés, Estremadura, Rexión Saloia en Portugal. Está constituído por uns 45 membros entre músicos, bailaríns e figurantes, e ten por obxectivo a investigación, recollida, conservación e divulgación dos usos e costumes da cultura do Concello de Loures.
Dispoñen dun amplo repertorio e vestiario, ligados ós traballos e ás festas tradicionais. Nas pezas de baile destacan as Carreirinhas, Igroxé, Saricoté, Enleio, Leiteira, Murtinheira, Bailarito, Verdegaro, etc. Algunhas destas son interpretacións que o pobo de Frielas deu ós valses, polcas, mazurcas, etc., orixinais doutros países de Europa, chegadas nos séculos XVIII e XIX.

Castela-A Mancha: ASOCIACIÓN GRUPO FOLCLÓRICO DE HERENCIA (Ciudad Real).
Naceu polo ano 1960 e converteuse en asociación en 1982. Ven desenvolvendo unha gran actividade cultural levando os bailes de Herencia por toda a xeografía nacional e internacional, así como organizando diversos festivais internacionais. Destacan actuacións en Mónaco, Francia, Portugal e Italia, entre as internacionais; e en Galicia, Aragón, Asturias, Cataluña, Murcia, Andalucía, Madrid, Extremadura, Castela-A Mancha, Castela-León, País Vasco Baleares, entre as nacionais. Teñen acadado diferentes premios, sempre no eido da Cultura Tradicional.
Os bailes do seu repertorio gardan a súa autenticidade, tendo respectado os seus puntos orixinais, música, cancións e cores do seu vestiario. Así mesmo, manteñen viva a tradición por medio das súas escolas de folclore, nas que se incorporan os nenos dende os catro anos, e que inclúen disciplinas como baile, guitarra, laude e bandurra.

Cantabria: GRUPO DE DANZAS “LA ROBLEDA” (Cabezón de la Sal).
Nado en 1987 en Puente de San Miguel cos obxectivos centrados na investigación, estudio, interpretación e divulgación do folclore de Cantabria, así como espertar o interese polo arte e as tradicións a tódolos espectadores nas súas actuacións. Composto por uns 35 membros, o seu ámbito de actuación cobre tanto a súa Comunidade como o resto do Estado, destacando actuacións en Murcia, Málaga, Ciudad Real, A Coruña, Cáceres, Asturias, Lugo, Álava, Palencia, Tarragona, Sevilla, Burgos, Toledo, León, Zamora, Menorca, A Rioxa, Pais Vasco e Zaragoza.
Puxeron en marcha a Escola Municipal de Folclore do Concello de Reoción, impartindo as disciplinas de baile, pandeireta, pito e tambor, gaita, rabel e canto montañés. No seu repertorio atópanse os diferentes bailes existentes na Comunidade Cántabra.

Festival de Música e Baile Tradicionais San Froilán 2008

Castela-A Mancha: GRUPO “LA ROMANA” DE MADRIGUERAS (Albacete).
O grupo de Coros e Danzas da Asociación Cultural “La Romana” créase a principios dos anos oitenta, concretamente no ano 1982 en Madrigueras, Albacete. esta época comezan a traballar na recopilación de danzas, traxes, cancions, costumes, en suma, todo o que comprende o rico e variado patrimonio popular manchego.
No seu repertorio predominan; as jotas, manchegas, seguidillas, fandangos, pastoreos e danzas pastoris, entre outros. En 1994, realizóu unha gravación de cantos manchegos baixo o título de “Manchuela mi Tierra”, e colabora con outros grupos nas edicións sonoras que realiza a Excma. Diputación Provincial de Albacete “Cantos por Navidad”, onde recollen temas navideños coma panxoliñas, romances e “aguilanderas”.
Na Actualidade o grupo conta con catro modelos de traxes: O de Gala ou Ceremonia, O de Faena ou Labranza (estes dous típicos de Madrigueras), O de Serrano (típico, da Serra de Albacete e O de Hellinero (típico da localidade de Hellín).

Portugal: “GRUPO ETNOGRÁFICO DE AREOSA” (Viana Do Castelo)
O Grupo Etnográfico de Areosa, fundado no ano 1966, é unha asociación que preserva e divulga as tradicions, usos e costumes do pobo da rexión de Viana a través dun numeroso grupo de xente nova que atopa no folclore unha expresión actual e unha forma de vivir e sentir de xeracións pasadas, comunicar os testimonios de identidade rexional, a alegría da fraternidade e solidaridade universais.
Embaixador da cultura Portuguesa, nas súas tres décadas de intensa actividade etnográfica e de animación cultural ten recibido numerosas distincions a nivel nacional e internacional.

Murcia: “GRUPO FOLKLORICO VIRGEN DEL CARMEN”. Peña Huertana “el Azahar” (Beniajan, Murcia)
Este grupo nace no ano 1979, na pedanía de Beniaján, ó amparo da Peña Huertana El Azahar, coa idea de rescatar todo aquelo que ten relación cas vellas costumes populares, como folklore, vestiario e gastronomía, conservando todo o relacionado co folklore da Comunidade Murciana.
Está formado por uns 40 compoñentes, repartidos entre danzantes, rondalla e coro. Ten representado á Comunidade de Murcia en numerosos festivais internacionais de carácter popular e benéfico, percorrendo toda a xeografía española e distintos países, como Portugal e Italia.
O grupo conta con cinco tipos de vestiario representativos da Rexión de Murcia, realizados todos eles por componentes do grupo e persoas da súa “Peña” onde continúan o labor de rescate dos traxes tradicionais. Ten o grupo un o grupo un repertorio de 25 bailes entre xotas, malagueñas, parrandas, seguidillas e boleros. Tamén interpreta a “misa huertana”. Cada ano taén organiza a súa “Semana Cultural” onde sobresae o folklore rexional e nacional, pero también outras actividades, como os xogos típicos, debuxo e deporte.