ASOCIACIÓN CULTURAL "CÁNTIGAS E FRORES"
(60 ANIVERSARIO)

Actualizado: 3/11/2008

 


Proxecto 60 aniversario


A asociación Cultural “ Cántigas e Frores” nace en Lugo da unión de dúas agrupacións corais,”Cantigas e Aturuxos” e “Frores e Silveiras”, que á súa vez saíron da disolución do “Orfeón Galego” dirixido por Xoán Montes.

Estas dúas agrupacións corais tiveron que parar a súa actividade por mor da guerra civil, e en 1948 nunha reunión impulsada por Francisco Rivera Manso, decídese a unión de ambas as dúas co nome de “Cántigas e Frores”.

Máis adiante, alá polos anos 70 a asociación enriquécese poñendo en funcionamento as escolas e os grupos de danzas e de gaitas e percusión, que seguen en funcionamento nos nosos días.

Son por tanto 60 anos de historia dunha asociación que ten por finalidade principal o traballo en prol do folklore galego e a dinamización da cultura lucense.

Para a celebración das seis décadas de existencia de “Cántigas e Frores”, estase traballando na organización dunha serie de actos especiais, a maiores do traballo diario que se desenrola na asociación, coas escolas de baile tradicional, gaita, percusión, acordeón, solfexo, violín, canto e pandeireta e confección de traxes tradicionais.

 

· Ciclo “Cántigas cos nosos maiores”: Cántigas e Frores é unha asociación que sempre tivo moi presente a sabedoría e a experiencia que os nosos maiores pódennos brindar. Por esa razón, ten feito unha grande cantidade de traballos de campo cos que o noso grupo de baile nutre o seu repertorio. En homenaxe a toda esta xente, o noso colectivo realizou varias actuacións nalgúns centros xeriátricos da cidade e vilas próximas á capital, como son o caso do Xeriátrico de Castro Ribeiras do Lea, Xeriátrico das Gándaras, Xeriátrico de San Roque, etc.

 

· Homenaxe ó grupo “Os Montes”. Realilzóuse o día 1 de Marzo de 2008 no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo, no que se rendeu unha emotiva homenaxe a este Grupo de Gaitas, que amenizou todas as festas de Lugo e arredores dende os anos 50, e conseguiron poñer ós gaiteiros de Lugo na elite dos gaiteiros galegos, acadando unha grande cantidade de premios e distincións. Tamén “Cántigas” aproveitou a ocasión para solicitar no Concello a concesión dunha rúa ou centro socio-cultural co nome deste mítico grupo de gaiteiros.

· XXVI Curso de Cultura Tradicional Galega. Celebrouse os días 20, 21 e 22 de marzo, coincidindo coa Semana Santa. Nesta edición desenroláronse aulas de Baile Tradicional (a cargo de Miguel Souto Ocampo), Gaita (a cargo de Pablo Seoane), Percusión (a cargo de Miguel Anxo López Buján “Chino”), Canto e Pandeireta (a cargo de Felisa Segade) e Zanfona (a cargo de Germán Díaz). Éste curso está avalado por 25 edicións ininterrompidas, contando cunha media de 150 alumnos cada una. Os alumnos foron de moi diferentes procedencias, como son Cantabria, Cataluña, Euskadi, Valencia, Escocia, Portugal, Uruguay, entre outras.

 

 

 

 

 

 

 

· Organización do 1º Festival de Escolas de Música e Baile Tradicional. Celebróuse o domingo 27 de abril no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. Nesta primeira edición contóuse coa presencia das escolas da Asociación Cultural “Peleriños” de Sarria, as escolas da Asociación “Airiños do Neira” de Baralla, e coas escolas pertencentes á nosa Asociación, que neste curso constan de máis de 200 alumnos repartidos en distintas especialidades, como son gaita, percusión tradicional, baile tradicional, canto e pandeireta, violín e acordeón.


 

· “Enconros Corais”. Estes encontros estiveron repartidos en dous concertos, ambos na Igrexa de San Pedro da capital luguesa. O primeiro deles celebróuse o domingo 4 de maio, contando como convidados o Coro do Hospital Xeral-Calde e mailo Conxunto Vocal “Lugh”, ámbolos dous de Lugo. O derradeiro encontro contou coa presenza do Grupo Vocal “Solo Voces” de Lugo e mailo Coro Galego “Cantigas da Terra” de A Coruña.

 

 

· “Xornadas de Cultura Tradicional Galega”. Ciclo de conferencias que se repartíron ó longo do mes de maio, celebrándose todas elas na sede da Fundación Caixa Galicia de Lugo. Nestas conferencias e mesas redondas tratáronse diferentes temas relacionados coa cultura tradicional galega. A primeira das ponencias levouse a cabo o día 15 de maio, e estivo a cargo do artesán lugués Lis Latas e o bailador Serxio Cobos, tendo por título “Tradición e Innovación”. A segunda celebróuse o día 21 de maio co título “De cantar e de contar” ofrecida polo músico lugués Antón Castro. E por ultimo, pechando este ciclo, contouse coa presenza do investigador Javier Jurado, falando sobre “O Mestre Vide. Un compositor Galego” levándose a cabo o día 28 de Maio.

 


 

 

 

 

· Exposicións (CÁNTIGAS 60 ANOS):

1. Exposición fotográfica. Queremos realizar unha exposición fotográfica na que se amosarán as diversas etapas polas que pasou a asociación. Para isto a contamos con un amplo arquivo fotográfico e de prensa, no que se reflexa toda a historia, dende os primeiros anos coa coral ata os nosos días.

2. Exposición de traxes tradicionais. Con ela queremos amosar a riqueza e a variedade de pezas de roupa e traxes que utilizaban os nosos predecesores, así como o xeito da confección dos mesmos, a maneira de facer os tecidos, a colocación dos mesmos e o uso de accesorios, sen esquecernos das diferencias que existían xeográfica e socialmente .

3. Exposición de instrumentos antigos. Estará a cargo do investigador e gaiteiro Pablo Carpintero. Nesta mostra poderanse ver máis de 500 instrumentos que Pablo foi recollendo por toda a xeografía galega. O emprazamento idóneo para a mesma é a Igrexa de Santa María.


· Publicación do libro “CÁNTIGAS 60 ANOS”. Feito polo actual Director Artístico de Cantigas e Frores, Bruno Villamor, onde relata a historia da agrupación, dende a súa fundación nos anos coarenta ata os nosos días. Esta historia está contada dun xeito ameno e riguroso, recollendo unha morea de comentarios e anécdotas de ex-compoñentes da asociación. Tamén incorpora unha grande cantidade de imaxes de arquivo, que amosan a evolución que sufriu o colectivo ó longo destes 60 anos.

· Ciclo “Cántigas na rúa”. Serie de actuacións que a nosa asociación levará a cabo os sábados dos meses de Xuño, Xullo e Agosto polas prazas e rúas do casco histórico da cidade. Temos a pretensión de dinamizar a vida cultural de Lugo, e intentar que a música e baile tradicionais teñan unha grande presenza no transcorrer citiá da cidade. Esto debería ser, ademáis, un escaparate para a cidade, dada a morea de turistas que visitan a nosa cidade nesas datas .

· VI Festival de Cultura Tradicional San Froilán 2008. Sexto ano no que celebraremos un festival internacional con grupos das distintas comunidades do esto e de Portugal, que nos amosarán coas suas interpretacións a variedade da Cultura existente na Península.

· Gravación dun DVD. Levarase a cabo no mes de novembro, co obxectivo de deixar constancia do xeito de amosar a Cultura Tradicional, e que se está a desenvolver na actualidade ó través das actividades da Asociación. Este é un punto importante entre os actos a desenvolver, xa que moi poucas veces se deixa constancia gráfica e sonora das actividades realizadas, quedando no esquecemento unha grande cantidade de traballo.

· Gala 60 Aniversario. Neste evento xuntamos á maioría das persoas que ó longo dos anos pasaron pola nosa asociación, xuntando deste xeito distintas xeracións, vencelladas polo amor á cultura tradicional galega, e á nosa asociación. Celebróuse o día 6 de setembro no Auditorio Gustavo Freire. Ó remate da mesma, houbo unha cea conmemorativa do aniversario.